Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Moeche ordea o pagamento de preto de 10.000 euros en axudas para pemes e persoas autónomas afectadas pola crise sanitaria


O Concello de Moeche lanzou a finais de xullo unha convocatoria de axudas para persoas autónomas e pemes do municipio que tiveron que pechar os seus negocios durante as semanas máis críticas da pandemia. O obxectivo das subvencións foi o de botarlles unha man a aqueles negocios que se viron máis afectados polo descenso do consumo e polo incremento dos gastos que deberon asumir para adoptaren medidas preventivas. Dentro da convocatoria, a área de Desenvolvemento local sacou dúas liñas que recibiron un total de 14 solicitudes. Tras avaliar o seu contido e a documentación presentada, o Concello resolveu achegas para todas elas por un montante global próximo aos 10.000 euros. Hoxe mesmo efectuáronse as ordes de transferencia, polo que as persoas beneficiarias teranas ingresadas nas súas respectivas contas entre mañá e pasado.

As bases das subvencións dispuñan de dúas liñas independentes pero complementarias entre si. É dicir, podíase solicitar unha delas ou as dúas, de maneira que, dependendo do tipo de negocio do que se tratase, a axuda total podería alcanzar os 1.000 euros.

Así, a liña 1 ía dirixida a compensar o peche total da actividade principal daqueles negocios obrigados a parar durante a sucesión de estados de alarma. Nese caso, ao que se acolleron 7 negocios, outorgouse unha contía fixa de 300 euros.

A segunda liña da convocatoria tiña a finalidade de colaborar cos gastos de adaptación á nova normalidade, como podían ser a adquisición de EPIs e materiais necesarios -máscaras, luvas, xel hidroalcólico, etc.-, a instalación de equipamento de protección -mamparas, por exemplo- ou a merca de calquera outro material que axudase a ofrecer o servizo coas medidas de seguridade obrigatorias. Tamén se incluían neste apartado gastos fixos que houbese malia ter pechado o negocio, como é o caso do consumo enerxético, a auga, os recibos do lixo ou os custes de alugueiro.

Ademais, dependendo do tipo de actividade marcáronse catro tramos con distintos importes máximos que se debían xustificar cos gastos efectuados: ata 150 euros para negocios que puidesen desenvolver a súa actividade só con mascarilla e distanciamento social, 250€ para locais que ofrezan servizos persoais que deberon limitar ou escalonar a afluencia da clientela -perruquerías ou clínicas, por exemplo-, ata 450€ para negocios de hostalaría e ata un máximo de 700 euros para aqueles que, ademais de traballar a barra ou a terraza, tamén teñan servizo de comedor.

A esta posibilidade acolléronse 7 negocios -case todos beneficiarios tamén da liña 1-, que, segundo os importes xustificados e o tramo de actividade, percibiron cantidades entre os 300 e os 1.000 euros de tope.

Desta maneira, o Concello adxudicou preto de 10.000 euros en axudas para o tecido produtivo local que se fixeron efectivas hoxe mesmo mediante transferencia bancaria, de maneira que as persoas beneficiarias deberían telas anotadas en conta entre hoxe e pasado mañá.